Libros de texto e material escolar: esiximos a volta ao sistema de préstamo universal.

libros de texto
A Confederación de Anpas Galegas mantén como un dos seus sinais de identidade, claramente expresado no seu manifesto fundador, que todo o Ensino Público e os seus servizos complementarios deben ser sufragados integramente con fondos públicos, estamos a falar, obviamente, de libros de texto, mais tamén falamos de calquera material necesario para a educación obrigatoria.
Non contabamos no momento de se facer o noso manifesto, coa mimética opinión da Defensora del Pueblo, Dª Soledad Becerril, que no seu informe de outubro de 2013 di:
“El Defensor del Pueblo entiende que el carácter gratuito de la enseñanza en los niveles educativos obligatorios constituye un instrumento dirigido a garantizar el acceso de todos a tales estudios, y considera por ello que dicho carácter gratuito debería hacerse extensivo a los libros de texto o material didáctico utilizados para cursar los referidos niveles, lo que exige medidas que hagan posible el acceso de los alumnos a los mismos sin coste alguno”
Estamos ou non a dicir o mesmo?  Xa non somos familias que queremos subvencións, pedichóns que pretenden esgotar o xa moi esgotado erario público, resulta que a mesmísima Defensora do Pobo, que non é moi sospeitosa de ser contraria a este goberno á vista do seu curriculum político, tamén opina o mesmo. E logo, que ocorre? pois o de sempre:
  • O material escolar debe ser gratuíto para todos, a Defensora di que tamén para o alumnado da etapa obrigatoria dos colexios privados. Pode ser, nós non temos competencia nese sector nin nos preocupa demasiado. Para nós Ensino é Ensino Público, e gratuidade é gratuidade no Ensino Público. Tamén debemos lembrar unha serie de sentenzas nas que se ratifica a legalidade -pre–LOMCE- de denegar axudas aos centros que segregan por sexos, fronte ao criterio que mantiña a Xunta de Galiza.
  • Non só falamos de libros de texto, tamén de todo o demais, do material accesorio, todos eses mapas, dicionarios, caderniños, pinturas, compases, escuadras e cartabóns; e tamén falamos deses cinco euros do autobús para as saídas? pois tamén. Porque se a saída é necesaria e interesante debe selo para todas e todos, non para quen teña os cinco euros; e se non o é, pouco sentido ten facela.
  • Pero para todos, e gratuíta de verdade. Porque?   Pois porque o di a nosa tan nomeada Constitución no seu tan aldraxado artigo 27.4: “O ensino básico é obrigatorio e gratuíto”, e podemos complementalo co artigo 3.3 da LOE (que a LOMCE deixou vixente) “A educación primaria e a educación secundaria obrigatoria constitúen a educación básica” , e aínda podemos continuar co artigo 4.1 da mesma Lei: “O ensino básico ao que se refire o artigo 3.3 (o de antes) desta Lei é obrigatorio e gratuíto”
E até agora que fixemos neste eido?  Pois moi pouco. É gratuíto o acceso aos colexios e institutos públicos, non hai que pagar matrícula certamente, pero aí parou a regalía, o resto pagámolo céntimo a céntimo, pagamos o material, pagamos as saídas, pagamos até eses folios que algúns centroslle pide ao seu alumnado.
Todo isto debería ser materia de escándalo, deberiamos estar a dicir en voz moi alta: CADA VEZ QUE HAI QUE PAGAR ALGO NO ENSINO OBRIGATORIO, ESTAMOS A BOTAR ALUMNADO FÓRA !
E como podemos durmir botando fóra a alguén? Será que aínda non temos gravado a lume intenso nos nosos miolos evolucionados que eses nenos-as aos que condenamos á ignorancia TEÑEN DEREITO á educación e ao progreso?
Mais houbo tempos mellores, iso é o peor de todo, que por riba de non avanzar, retrocedemos. Até que chegou este goberno, e este presidente, e este conselleiro de educación á Xunta de Galicia, polo menos os libros de texto eran gratuítos, gratuítos para todas e todos, e por riba non eran de ninguén, prestábanse. E pasaban dun neno-a a outro-a para que aprendesen o valor da conservación, da reciclaxe, do respecto aos compañeiros que habían utilizar o mesmo libro nos cursos vindeiros.
Deámoslle de novo a palabra á Defensora do Pobo, nas súas recomendacións:
“La institución del Defensor del Pueblo formula las siguientes recomendaciones a las autoridades educativas:
3. Aplicar preferentemente sistemas de préstamo y reutilización de los libros de texto, en razón de la mayor eficiencia y menor coste que este modelo tiene respecto de otras modalidades de ayudas a la adquisición de estos materiales.
4. Favorecer la utilización prioritaria de los programas de préstamo y reutilización de los libros de texto en el contexto de las enseñanzas obligatorias, por su indudable contribución al proceso educativo de los alumnos y a la mejor adquisición de actitudes de respeto, buen uso y conservación de bienes comunes y a la adquisición de hábitos cívicos y de convivencia. … “ (As negriñas son do orixinal, non fai falta remarcar máis)
E aínda teremos que seguir falando e discutindo sobre este tema, e teremos que escoitar unha e mil veces argumentos falsos e falseados. O goberno di:
  • Non semella xusto que a xente de alto poder adquisitivo teña tamén os libros de balde como os pobres (moito lle gusta aos gobernos iso de “pobres).
Pois si, parécenos moi xusto, porque non estamos nun mercado de oportunidades, somos un grupo social, unha sociedade, un Pobo, e temos normas de convivencia que permiten vivirmos xuntos, unha delas volve a ser esa Constitución que tanto lle gusta citar aos gobernos, e que di no seu artigo 31 “Todos han contribuír ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade…” . Por iso todos temos dereito aos libros de texto de balde, e a pisar de balde as beirarrúas, e a iluminarnos de balde cos farois, porque xa pagamos dacordo coa nosa capacidade económica, non temos que pagar de novo!
  • Cambiando o sistema de préstamo por un de axudas á compra de libros de texto aforraremos…
Pois que fale de novo á Defensora do Pobo:
“Los datos aportados por las administraciones educativas autonómicas permiten deducir que el sistema de préstamo a los alumnos de los libros de texto… resultaría inicialmente más eficiente desde un punto de vista económico que los sistemas articulados a través de la concesión de ayudas económicas directas a los alumnos”.
Sen comentarios.
  • As familias van creando “bibliotecas familiares nos fogares” (palabras de noso actual conselleiro de educación).
Sr. conselleiro, aclarémonos:
os libros de texto teñen unha vida obrigatoria de seis anos segundo a súa propia normativa, logo hai que cambialos. Queremos supor todos que haberá que cambialos para actualizalos cos novos coñecementos aparecidos nese período nos eidos da ciencia e da lingüística, coñecementos que deben ser imprescindibles para as novas xeracións de estudantes. Pero eses libros, que xa non serven para o ensino, poden ser fondo de biblioteca para as familias? Curioso concepto o de manter vixente na casa o que xa non está vixente fóra dela.
En fin, que xa o di a Defensora do Pobo:
“La Constitución no sólo define la enseñanza básica como gratuita, sino también como obligatoria. Y del establecimiento de ese deber constitucional ha de deducirse el correlativo deber público de proporcionar todos los medios imprescindibles para que pueda ser cumplido”.
As asociacións de nais e pais do alumnado do Ensino Público levamos  moitos anos reclamando a volta ao sistema de préstamo universal, por todas as razóns expostas. Tanto cremos nel que mesmo estamos participando na organización de bancos de libros, aínda sabendo que esa non é a nosa función e que, outra vez citando á Defensora do Pobo, “la implantación (dos bancos de libros) no puede suponer una dejación de los deberes públicos respecto del objetivo de gratuidad de las enseñanzas obligatorias en relación con los libros de texto y material curricular. Fomentar la solidaridad a través de las donaciones … es un objetivo loable, pero no debe sustituir a la responsabilidad pública en la materia…”
Novamente temos que actuar diante da inacción da clase política; actuar para fomentar os valores positivos do préstamo, e tamén actuar para tentar colaborar economicamente entre nós mesmos, substituíndo a unha Administración que se revela inútil tamén na detección e implantación de políticas sociais.
Pero agora temos unha circunstancia que, por non ser desexada, non deixa de ser excepcional, todos os libros de texto deben cambiar para se adaptar á Lei Wert, segundo se vaia implantando, ou sexa nos próximos tres cursos.
E qué vai supor ese cambio para as familias?
Pois un gasto inasumibel, porque non vai haber outra opción máis ca mercar todos os libros que precisen ass rapazas e rapaces. Son libros novos, polo que non poden existir bancos de libros, nin préstamos entre particulares, nin sequera han servir os libros dos irmáns, familiares ou amigos.
Por iso, porque é un deber que ten a Administración para con todos nós, e porque agora é o momento para que esta administración educativa que sufrimos en Galicia modifique a errónea (dío a Defensora do Pobo e nós tamén) política de axudas, velaí tendes as nosas esixencias:
  1. Esiximos libros de texto e material didáctico gratuítos e  a volta ao sistema de préstamo universal.
  2. Esiximos que se avance na gratuidade total de todos os medios que se utilicen no ensino público.
  3. Esiximos que se dote aos centros de persoal abondo para xestionar axeitadamente o sistema de préstamo.
E, xa que estamos, qué tal se comezamos a pensar en eliminar eses libros de texto tan discutidos, e comezamos a traballar, en serio e non para a prensa, na dixitalización universal do Ensino Público e na elaboración de contidos didácticos axeitados á nosa realidade e feitos polos nosas mestras e mestres?

2 reflexións sobre “Libros de texto e material escolar: esiximos a volta ao sistema de préstamo universal.