8 de jul. de 2015

Rolda de prensa: Esta sentenza dános a razón. Imos seguir


IES AS MERCEDES 2013 
 
Lugo, 7 de xullo de 2015: rolda de prensa

Moitas grazas aos medios pola asistencia a esta rolda de prensa que a Plataforma para a defensa do IES AS MERCEDES, que agrupa a profesorado, alumnado e persoal non docente do IES As Mercedes, membros das ANPAs do CEIP As 
Mercedes, CEIP Illa Verde, IES As Mercedes, IES Sanxillao, FAPACEL e asociacións de veciños de Lugo, convoca hoxe para valorar a sentenza que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de resolver ao noso favor, lexitimando as nosas reivindicacións sobre a supresión do centro educativo de ensino secundario As Mercedes de Lugo. Este foi transformado en Centro Integrado de Formación Profesional por decreto da Consellería de Educación en marzo de 2013, e agora o TSXG anula este decreto e obriga á Administración a pagar os custes do proceso, que ascenden a 1500 euros, e que pagará  toda a cidadanía galega.

Queremos agradecer desde aquí aos que achegaron cartos para financiar o recurso, aos que nos apoiaron publicamente: partidos políticos (agás o PP), sindicatos, asociacións veciñais, organizacións estudiantís, Deputación, Concello de Lugo, claustros doutros centros educativos da provincia, persoeiros do mundo da cultura..., e á cidadanía de Lugo, que amosou o seu apoio a través das máis de 10000 sinaturas recollidas e entregadas na Consellería, aos asistentes á manifestación e demais actos reivindicativos que se convocaron, e a todos os que nos brindaron o seu alento e solidariedade a nivel galego e nacional. Por último, agradecemos a súa inestimable e desinteresada colaboración ao profesor da USC Francisco Candia, así como, por suposto, ao noso avogado Rafael Rossi, que o fixo posible.

Esta sentenza dános a razón que non quixo ver a Consellería de Educación, a delegada da Xunta en Lugo, a xefatura territorial e o grupo parlamentario e municipal do PP nas motivacións alegadas nas nosas reivindicacións:
-        A necesidade do IES AS MERCEDES tras o peche  do IES POLITÉCNICO dous anos antes e que tamén daba servizo á zona de maior poboación escolar e  maior índice demográfico de Lugo, como é a zona sur. Demóstrase co informe sobre poboación que se achegou para o proceso e que está a disposición das autoridades educativas.

-        A inexistencia por parte da Consellería do estudo previo das necesidades educativas da cidade que dicían que realizaran e que se pediu xudicialmente e non foron capaces de presentar
 
-        A demostrada compatibilidade de asumir o aumento da oferta de FP por parte do IES AS MERCEDES, e máis coas reformas que estaban previstas, aprobadas e orzamentadas antes do decreto de conversión. Recordemos que ese orzamento ascendía a 4,4 millóns de euros e contemplaba a reestruturación completa do centro, con espazos para ESO, Bac e FP. O proxecto que agora se está a executar ascende a case 5,8 millóns e só dá cabida a ciclos formativos, sen un incremento significativo da oferta educativa, tal e como recoñece a sentenza.

-----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Dicía Saramago que: “As verdades hai que repetilas moitas veces, para que, pobres delas, non caian no esquecemento”.
Desde a plataforma insistimos que non era preciso pechar o instituto no sur da cidade, e se vos acordades o noso lema era: “Isto funciona, non o desintegredes”.
Dous anos despois de todo isto a xustiza (neste caso o TSXG) anula o decreto que iniciou as nosas mobilizacións e truncou a continuidade dun traballo ben feito.
A consecuencia desta decisión política arbitraria, partidaria (co afán de demostrar quen manda), inxustificada e sen fundamento (recoñecida pola propia sentenza) deixou a centos de persoas afectadas (nenos/as, pais/nais, profesores/as, veciños), e a excelente solución que ía achegar o centro integrado resultou ser tan só unha cortina de fume. Afectados e afectadas que nunca volverán a recuperar estes dous anos sen instituto e unha sociedade que vai pagar en conxunto o custe de todo este proceso. LAMENTAMOS que a toma de decisións de pechar este instituto non teña consecuencias directas e que todo se dilúa sen clarexar a verdade.
A sociedade non pode seguir tolerando máis este tipo de situacións, e os responsables políticos deben responder da súa xestión.
Agora a nosa pregunta é quen asume a RESPONSABILIDADE? Quen paga este desastroso proceso? Quen REPARA O DANO CAUSADO?
Desde o noso punto de vista, tendo en conta o que levamos exposto e que se anula un decreto do goberno da XUNTA, temos que pedirlle explicacións, responsabilidades e accións concretas ao presidente Feijoo. E nesta liña imos axudarlle na toma de decisións.
 ------------------------------------------------------------------------------------------------------------
ESIXIMOS:
- A INMEDIATA POSTA EN FUNCIONAMENTO DO IES AS MERCEDES, INCLUÍNDO NAS OBRAS QUE SE ESTÁN EXECUTANDO  ESPAZOS PARA ESO, BAC E FP, COMO SE CONTEMPLABA NO PRIMEIRO PROXECTO
- A POSTA EN MARCHA DUNHA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN PARLAMENTAR
- AS DESCULPAS PÚBLICAS e RECTIFICACIÓN do ex-conselleiro Jesús Vázquez
- A DIMISIÓN DOS SEGUINTES RESPONSABLES POLÍTICOS:
·        Por unha banda Manuel Corredoira (D.X. de Educación, FP e Innovación Educativa) e Eugenia Pérez (Subdirectora xeral de FP) responsables da toma de decisións inxustificadas.
·        E por outra, Raquel Arias (delegada da Xunta en Lugo), quen non fixo nada para evitar e frear o decreto, e na vez de defender os seus veciños e veciñas do sur da cidade de Lugo, puxo o seu esforzo persoal en esmagar o movemento social que se opoñía.
De todo isto son varias cousas das que podemos sacar reflexións positivas:
·        É posible defenderse e gañar ante a maquinaria deste goberno, e especialmente da súa toma de decisións arbitraria (David volve gañar a Goliat). Este proceso será a base de novas loitas. SEGURO.
·        A imposición como modelo político xa NON SERVE. Non estamos nunha ditadura, nin nun estado feudal, nin ante unha sociedade pasiva. PRECÍSASE TRANSPARENCIA, DIÁLOGO, CONSENSO e COHERENCIA.
·        A sociedade está cambiando, organizándose, e esiximos dereitos como o de participar na toma de decisións. FACER POLÍTICA, DEMOCRACIA, NON É SÓ VOTAR CADA CATRO ANOS. Estamos ante novos tempos de como xestionar o BEN COMÚN.
·        A xustiza, aínda estar minguada de medios é quen de ver este novo xiro social e de FACER REALMENTE XUSTIZA.
Finalmente, dicir QUE O ESPÍRITO DO IES AS MERCEDES CONTINÚA A PESAR DO SEU PECHE, E POLO TANTO RECUPERALO É UNHA CUESTIÓN DE XUSTIZA.
SI SE PODE, SI PODEMOS. IES AS MERCEDES XA!!!!!!
ISTO É DE XUSTIZA, RECUPEREMOS O NOSO IES.

Nenhum comentário:

Postar um comentário