5 de abr. de 2013

Á FALA CON XABIER P. DOCAMPO




De novo somos xente afortunada, a da ANPA d´As Mercedes, ao recibir o apoio dun grande da literatura galega (da literatura e de varios outros mundos, aos que nunca foron alleas as inquietudes pedagóxicas). Escoitamos con moita atención todo o que nos di Xabier P. Docampo


É sabido que Xabier P. DoCampo, antigo membro do gremio do xiz, orgulloso chairego afincado na Coruña, pasou anos entre nós e coñece perfectamente a cidade. Como ves a situación educativa?

Ando este tempo baixo o peso dun pensamento que me asalta cada noite: o ben claro e visíbel que o camiño de destrución do sistema público de educación en Galicia e en todo o estado español traerá consecuencias irreparábeis e moi dolorosas para todos nós e, o que é peor, para os nosos fillos e fillas.

A destrución dos camiños de igualdade do sistema educativo contribúe a crear circunstancias de exclusión social e con ela marxinación, criminalidade e unha loita violenta e brutal dos desfavorecidos pola supervivencia. Para evitar isto foi para o que naceu a educación pública igualitaria.


Chegara xa aos teus oídos a situación do IES “As Mercedes”? Tiñas algunha idea previa sobre o Centro?


Sabía algo pola prensa, non era o primeiro caso dese tipo que chegaba ao meu coñecemento e podía comprender perfectamente todas as súas circunstancias: erosión do sistema educativo público, desprezo pola comunidade educativa implicada e todas esas cousas ás nos ten acostumados este goberno.

Aínda estando eu xa xubilado, non perdín o interese polas cuestións educativas e, non polo miúdo, pero un sabe como funcionan determinados centros dos que a un lle falan os amigos e amigas que conservo no gremio. Ademais pola miña relación coa lectura do alumnado dos centros de ensino de toda Galicia, visito moitos cada ano. Por eses camiños un vai sabendo como se desenvolve o traballo escolar en moitos centros de Galicia, tamén no IES As Mercedes. Por se non chegase o dito, o luns pasado, día 1 de abril, estiven en Lugo e puiden saber de primeira man noticias do caso.


Que opinas da decisión da Xunta de pechar a ESO e o Bacharelato nIES “As Mercedes”?


Nos tempos que corren un escoita a palabra pechar dos beizos do poder e xa se bota a tremer, porque pechar converteuse en sinónimo de destruír, de eliminar, de derrubar esperanzas e camiños de vida.

Pero a todo isto quero engadir que nada se pode facer sen escoitar e respectar a vontade comunidade educativa. Pais, nais, alumnos, alumnas e profesores, persoal non docente, que demostraron co seu traballo e coa colaboración entre eles unha preocupación e uns resultados educativos e de aprendizaxe que foron repetidamente valorados por instancias alleas ao centro, son os que teñen que ser a voz, a palabra derradeira neste asunto. É inadmisíbel que o goberno, so a desculpa dos dereitos dos pais e nais sobre da educación dos seus fillos, permita e apoie que se manteñan criterios discriminatorios por razón de sexo, e neste caso onde os criterios se basean en presupostos educativos universalmente contrastados, sexa desprezada a vontade da comunidade educativa.


Di o que queiras á comunidade escolar (alumnado, pais e nais, profesorado e persoal non docente) do IES “As Mercedes”? Pódese gañar esta loita?



Amigas e amigos, só vos podo dicir que tedes razón, a vós só se vos pode vencer con autoritarismo e arbitrariedade. Se os que teñen razón non gañan, entón a razón verase escarnecida e blasfemada en vós.

Contade co meu apoio, coa miña pequena forza e alento neste esforzo que a inxustiza vos obriga a facer. Eu, coma vós, tamén estou na loita polas causas xustas.


Queremos darche as máis expresivas grazas polo teu compromiso. E van cunha forte aperta no nome de todas e todos nós.

Um comentário:

  1. Quero mostrar en primeiro lugar o meu agradecemento a Xabier P. Docampo por regalarnos dunha maneira tan xenerosa un anaco do seu valioso tempo e pensamento, para reflexionar sobre un tema que, neste intre, nos ten tan preocupados a toda a comunidade educativa do IES As Mercedes, e quixera crer e poder dicir que a toda a cidade de Lugo.

    Aplaudo todo o que nos transmite coa súa opinión, e suliñaría especialmente algunha das ideas coas que me identifico totalmente:

    - “ … o camiño de destrución do sistema público de educación en Galicia e en todo o estado español traerá consecuencias irreparábeis e moi dolorosas para todos nós e, o que é peor, para os nosos fillos e fillas.”
    - “A destrución dos camiños de igualdade do sistema educativo contribúe a crear circunstancias de exclusión social e con ela marxinación, criminalidade e unha loita violenta e brutal dos desfavorecidos pola supervivencia”.
    - “ … un escoita a palabra pechar dos beizos do poder e xa se bota a tremer, porque pechar converteuse en sinónimo de destruír, de eliminar, de derrubar esperanzas e camiños de vida”.
    - “ … nada se pode facer sen escoitar e respectar a vontade da comunidade educativa. Pais, nais, alumnos, alumnas e profesores, persoal non docente, que demostraron co seu traballo e coa colaboración entre eles unha preocupación e uns resultados educativos e de aprendizaxe que foron repetidamente valorados por instancias alleas ao centro, son os que teñen que ser a voz, a palabra derradeira neste asunto”.

    - “ … só vos podo dicir que tedes razón, a vós só se vos pode vencer con autoritarismo e arbitrariedade. Se os que teñen razón non gañan, entón a razón verase escarnecida e blasfemada en vós”.

    Gustaríame saber se hai máis xente que comparte o meu sentir.
    Parécevos unha esaxeración do escritor ou credes que se corresponde coa realidade que estamos vivindo?

    Quizáis eu mesma o consideraría esaxerado hai uns cantos anos, non moitos, pero neste momento pódovos dicir que, dende que comecei a abrir a boca polas aberracións, agravios e inxusticias que se suceden na sociedade actual día tras día no que parece unha carreira sen fin, aínda non conseguín pechala, senón abrila cada vez máis ata un punto que non sei se os meus propios rasgos faciais serán capaces de soportar sen reventar.

    QUEDÉMONOS COA DERRADEIRA IDEA SULIÑADA E DESTACADA EN NEGRITA. TOMEMOS UNHA DECISIÓN QUE, CANDO MENOS, NOS PERMITA SEGUIR EDUCANDO ÓS NOSOS FILLOS COA SEGURIDADE DE QUE FIXEMOS O CORRECTO.

    Un saúdo a todos,
    Julia Amado Fuentes, nai de alumna de 1º ESO.

    ResponderExcluir