11 de abr. de 2013

DARÍO XOHÁN CABANA, OUTRA VOZ SOLIDARIA CO IES "AS MERCEDES"

É un dos autores de cabeceira para moita xente que ama a literatura no noso Centro. Premiado nacional e internacionalmente polo seu labor como escritor ou tradutor, as súas palabras chegan cargadas de saber, de solidariedade e da claridade que tanto se estraña nos tempos que corren.


Tes unha vinculación coa cidade de Lugo xa abondo longa para que nos poidas contar algún momento, se o tes a ben, no que a túa biografía se cruzou co IES “As Mercedes”.

Cruzouse e crúzase. Teño amigos traballando alí, e mesmo un familiar moi próximo, e moitos fillos de amigos estudando no centro, antes e agora. Ademais algunha vez teño ido dar algunha charla ou algún recital, hai bastantes anos xa.

Estrañouche a fulminante decisión da Xunta de pechar o noso instituto? Por que?
 
Estrañoume si e non. Por unha banda, trátase dun centro que me parece moi necesario, mesmo esencial polas súas singularidades, na rede de ensino público de Lugo, pero por outra banda hoxe a Xunta pódese esperar calquera cousa, pois está moi claro que milita contra o ensino público e fai todo o posible para degradalo e favorecer así o aumento do ensino privado.

¿Percibes que a reacción das institucións de Lugo e diso que se dá en chamar agora “sociedade civil” está á altura das circunstancias?

A reacción do pobo (iso de sociedade civil non me gusta moito dicilo) parece algo morna en relación coa dimensión do problema. O burro di, segundo lin en Castelao: "mentres o pau vai e vén, descansa o lombo". Pero non descansa, hoxe non descansa nada, porque o pau vén con tanta frecuencia que o lombo se vai chagar como non se escoucee o que ten a vara na man. En canto á reacción das institucións, calquera apoio pode ter a súa importancia, pero o que realmente pode salvar o IES é a loita popular.

Di o que queiras á comunidade escolar (alumnado, pais e nais, profesorado e persoal non docente) do IES “As Mercedes”? Aceptamos, por suposto, algún bo consello.

Consellos non sei dar, pero o que si sei é que a situación é aínda máis grave do que parece, porque forma parte dun plan a nivel mesmo mundial: a destrución de todos os aspectos sociais do estado e a instauración dun estado represor, esencialmente policial e militar, moi semellante ó que eran os estados no século XIX. E non por maldade pura e desinteresada, senón por interese económico: o capital privado quere lucrarse coa inmensa porción de actividade económica que representa o ensino, a sanidade pública, o sistema de pensións e de protección social. A Xunta está nese plan de contrarrevolución capitalista, e hai que telo en conta: a batalla pola salvación d'As Mercedes é unha parte da gran guerra de resistencia que temos que combater contra o capitalismo salvaxe.

Sumamos este especial agradecemento aos que levamos trasladado nos últimos días para todas as persoas que estades colaborando connosco. Recibe unha forte aperta.

Nenhum comentário:

Postar um comentário