5 de abr. de 2013

Conversa con PACO MARTÍN



Estamos á fala con Paco Martín, escritor lugués cunha longa e xustamente recoñecida traxectoria, autor de títulos inesquecibles da nosa literatura. Non cometeremos a torpeza de intentar resumir a súa fecunda biografía cultural e literaria nunhas poucas liñas. Só nos sabemos privilexiados ao falar con el e preguntarlle que opina sobre a nosa causa.

Ola, Paco. Como bo lugués de Recatelo e mestre durante tantos anos, o IES “As Mercedes” xa che resultaba de sobra coñecido...

            A realidade é que ademais de lugués e mestre tamén son vello o que me permitiu ser testemuña do nacemento do Centro (que tomou o nome do que levaba o “Cuartel de Las Mercedes” no que houbera un Rexemento de “Caballería” e que estaba situado  onde sempre fora As Pedreiras, antes da desfeita que na toponimia de Lugo perpetraron, con total falla de respecto, desde a Administración e por mao de oficinistas e construtores, topónimo que, se cadra, non estaría de máis reivindicar, tendo en conta que “Las Mercedes” era o cuartel, non o lugar) e seguir, máis ou menos de preto, a súa andaina e sabendo da súa evolución, no tempo e nas persoas.  

¿Sabías das actividades do IES “As Mercedes”, coñecías o seu papel no mapa educativo de Lugo?

            Aínda que hai algúns anos que estou xubilado e, polo tanto, algo lonxe do mundo que foi o de case toda a miña vida, vexo, escoito e leo con especial interese todo aquilo que teña que ver co ensino -e con máis interese, claro, o que lle toca a Lugo- polo que sei bastante do labor que esa comunidade educativa está a levar adiante. Mesmo eu algunha vez participei en actividades do Centro.
            Teño magníficas referencias do traballo que nel se leva a cabo, dos seus bos resultados e da cumprida harmonía e colaboración que se dá entre os estamentos que o compoñen. Está claro que ocupa un espazo esencial no que é en verdade esencial para Lugo. A área na que o Centro está non pode quedar como pretenden que quede.

Dúas preguntas: que opinas da decisión da Xunta de pechar ESO e Bacharelato do IES “As Mercedes”? Estráñache, vista a situación actual do ensino na cidade?

            Sospeito que son demasiados, entre os responsables de reparar de que a formación que reciben as nosas rapaces e mais os nosos rapaces, os que teñen como referente supremo os aparellos electrónicos para realizar cálculos elementais -ademais, naturalmente, das ordes tallantes que reciben para que a mingua progresiva do ensino público que promoven determinados intereses ideolóxicos e económicos non se deteña- cos que pretenden xustificar calquera parvada mal feita. Estou en contra de calquera decisión que poida resultar lesiva para a mocidade e, polo tanto, rexeito rotundamente a actitude das autoridades académicas da Xunta.

            Estrañar, o que se di estrañar despois do que levamos falado, non demasiado, esa é a verdade. O que si digo é que me parece moi mal. Moito!

 Que che gustaría dicir á comunidade escolar (alumnado, pais e nais, profesorado e persoal non docente) do IES “As Mercedes”? Hai solución?

            Estou vendo que as accións unitarias coas que esa comunidade está facendo fronte ao que eu non dubidaría en cualificar de inxustiza manifesta son decididas e baseadas en argumentos precisos e ese debe ser o camiño -sen esquecer que, ás veces, hai que se impor aos atrancos-.
            
             A solución témola os lugueses. Se queremos.  

Queremos darche as máis expresivas grazas polo teu compromiso. E van cunha forte aperta no nome de todas e todos nós.

            Apertas!

Nenhum comentário:

Postar um comentário