11 de abr. de 2013

Edís do BNG do Corgo explican a súa postura a pais e nais do IES "As Mercedes"


   Representantes do BNG reuníronse o martes 9 de abril con nais e pais residentes nese concello da comarca luguesa, varios deles pertencentes á ANPA do IES "As Mercedes". Durante a xuntanza Mario Outeiro e Henrique Casanova, tras contextualizaren dentro dos graves recortes aos servizos públicos a supresión dun instituto que o alumnado do Corgo concibe como propio xa hai décadas, aludiron aos continuos atrancos do actual alcalde (PP) para a convocatoria dun pleno sobre o particular. Lamentaron ademais que o máximo rexedor se mostrase incapaz tanto de impedir o peche, sen ter sequera coñecemento del antes da súa divulgación, como de sumarse ao combate pola vixencia do IES "As Mercedes", antepoñendo os intereses partidarios aos veciñais.

   Os edís do Bloque Nacionalista Galego manifestaron o seu apoio á iniciativa dun numeroso grupo de nais e pais que defende, no caso de que finalmente se levase a cabo a desintegración do IES, a adscrición do C.E.I.P. do Corgo ao C.P.I. de Castroverde, aínda que uns e outros continuaron mostrando a esperanza de que as autoridades educativas modifiquen unha orde que está causando profunda preocupación e malestar en numerosas familias do Corgo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário