9 de abr. de 2013

ENCONTRO CON ANTÓN DOBAO


Que nos apoie todo un referente nacional da cultura (escritor, cineasta, home de compromiso e de coñecemento) engade maior transcendencia, se cabe, á nosa causa. E presta alento para seguírmonos negando a que se peche un instituto que o barrio, a cidade enteira, reclama como propio.

Aínda que vive hai xa anos próximo a Compostela, Antón Dobao conserva en Lugo fortes vínculos familiares e afectivos. Que che di o nome IES “As Mercedes” e o barrio emerxente onde se sitúa o noso Centro?

As Mercedes é un centro que eu recordo desde neno, cando vivía primeiro en Garabolos e despois na Milagrosa e estudaba na Anexa primeiro e despois no que daquela era o Instituto Masculino. As Mercedes era case a fronteira do Lugo coñecido. Máis tarde, cando eu xa andaba polos 18 anos, meus pais marchan a vivir ao barrio de Fingoi, e entón as Mercedes quedan só a uns minutos da casa. Na miña memoria o espazo segue a ser o mesmo, a mesma arquitectura, o mesmo ritmo temporal exento, a pausa do coñecemento no medio dunha zona que se urbaniza a unha velocidade que a min me sorprende. Durante ano e pico, cursei o inicio dos meus estudos de filoloxía no Colexio Universitario de Lugo, que arrincou no edificio da antiga escola de Peritos, mesmo a carón das Mercedes, onde hoxe está o edificio do conservatorio. Neste novo edificio que veu a ocupar o espazo da vella construción de Peritos rodei en 2005 algunhas das escenas da miña primeira película. Era A biblioteca da Iguana, unha adaptación do conto homónimo do amigo e tamén lugués Xosé Miranda. 

Así que, sen eu ter nunca unha relación directa coas Mercedes, sempre estivo presente en zonas amplas da miña vida e da miña relación con Lugo. Da mesma maneira que non sería capaz de entender Lugo sen o instituto no que estudei, por exemplo, tampouco o daría comprendido sen o marco físico e conceptual das Mercedes.

Que opinas da decisión da Xunta de pechar a ESO e o Bacharelato no IES “As Mercedes”?

Máis alá de consideracións sentimentais, entendo que todo o que signifique a redución de oferta de ensino público en calquera poboación de Galicia é un atentado infame contra o noso futuro colectivo e contra o noso presente. É a desestruturación do ensino público como servizo esencial para a formación das persoas. É a súa conversión nun simple medio para a posta no mercado de forza de traballo falsamente especializada e disposta á precariedade e á exclusión social.

Non tes relación directa co ensino, pero como cres que se pode explicar un peche destas características? Pensas que se trata dunha decisión técnica ou podemos enmarcala nunha estratexia moi consciente do Partido Popular?

Seguindo co que comentaba na pregunta anterior, soamente podo engadir que me parece o peche dun centro de ensino un chanzo máis nun proceso de privatización e de estratificación social. O proxecto é moi doado de comprender: o ensino público, mal dotado técnica e humanamente, cunha oferta raquítica, dedicaríase a modelar man de obra de escasa formación, disposta para a precariedade e unhas condicións de explotación aínda máis agudas ca as actuais. O ensino privado, pola contra, quedará destinado a formar elites para a dirección e o goberno da sociedade. É un proxecto de eternización dunha sociedade de clases profundamente diverxentes.

Di o que queiras á comunidade escolar (alumnado, pais e nais, profesorado e persoal non docente) do IES “As Mercedes”? Ten sentido a nosa protesta?

A protesta é a arma que nos queda para alterar as condicións de vida, entendidas na súa totalidade, que proxectan impoñernos máis aló da nosa vontade colectiva. A mobilización é o noso espazo común de decisión alternativa, a democracia levada á práctica diaria para denunciar e evidenciar a falsidade do exercicio fraudulento da política contra os intereses da maioría. Cada protesta xusta é un símbolo da vida que esiximos vivir. Dignidade, formación, saúde, benestar. Non pedimos nada extrardinario ao que non teñamos todo o dereito.

En calquera caso, dentro das miñas poucas posibilidades, estou sempre ao voso dispor para colaborar naqueles actos en que consideredes que o que eu poida ofrecervos sexa interesante. Sorte e adiante.

Igual ca nos casos anteriores, dámosche as máis expresivas grazas polo teu posicionamento. Recibe unha forte aperta no nome de todas e todos nós.

Nenhum comentário:

Postar um comentário