17 de abr. de 2013

Xosé Miranda fala para nós (e con nós)


Lugués de mil oficios nas letras, da poesía ao relato, da investigación etnográfica á narración, autor dalgunha das novelas máis lidas e aclamadas do último tempo, Xosé Miranda traballa ademais no IES "Xoán Montes" como profesor de Bioloxía e Xeoloxía. Por iso quedamos moi atentos á súa opinión ben versada sobre o contexto xeral e local do ensino medio.
.

¿Serías capaz, facendo de avogado do demo, de aceptar algún dos argumentos que se esgrimen para pechar as seccións de Bach. e ESO do noso instituto?

Facendo de avogado do demo, que é cousa que non me vai, porque non teño vocación de avogado e tampouco lle teño teima ao demo (das millentas falcatrúas que nos fan bótaselle a culpa ao demo),  só aceptaría a necesidade de incrementar  a oferta de Ciclos. Agora ben, se fan falta máis Ciclos, por que teñen que estar todos xuntos? Por que todos no sur da cidade (Politécnico e Mercedes)?  Non se comprende.  Mellor dito: é un disparate. Se fan falta Ciclos, que os repartan polo Monte das Pías (que agora chaman Piringalla), por Casás, polo Centro, por Magoi, por Sanxillao…  Ou sexa: non fai falta pechar  ESO e Bac nas Mercedes, de xeito ningún.

¿En que contexto cres que debemos enmarcar o peche dunha parte esencial do IES “As Mercedes”?

Todo o que signifique a redución de oferta de ensino público vai contra o noso futuro.  É a minorización do ensino público para favorecer ao concertado, e é a súa conversión nun instrumento para poñer no mercado forza de traballo precaria e proclive á exclusión social. É un paso máis no proceso de privatización (veremos cantos alumnos de ESO e Bac rematan nos concertados) e de estratificación social (dous ensinos separados, a FP e Bac, separados mesmo físicamente). O ensino orientado á Universidade  queren concentralo nos privados, e o orientado a FP, nos públicos. Porque uns van ser os dirixentes desa sociedade clasista e os outros, a man de obra barata (aínda máis barata, quero dicir): Un mundo no que os pobres non se mesturen coa xente.

¿Que opinión che merece a escusa das autoridades, espallada por determinada prensa, de que o que se fai en realidade é responder á crecente demanda de Ciclos Formativos?

A FP afastada da ESO é una trapallada.  Fan falta máis Ciclos, máis Ensino para adultos, máis profesores, máis atención á Diversidade, una ratio menor de alumnos, fan falta moitas cousas. En cada un dos Institutos, non nun só.

A pregunta común: que che gustaría dicir á comunidade escolar (alumnado, pais e nais,  profesorado e persoal non docente) do IES “As Mercedes”? Hai solución?

Non sei se hai solución, porque non hai peor xordo que o que non quere escoitar. Pero o que non chora non mama;  e o que non se queixa, perde; e o que non protesta nada consegue; e temas como o dos desafiuzamentos ou o das preferentes amosan ben  ás claras que para conseguir algo hai que loitar. Non queda outra.


Quedamos moi agradecidos a Xosé Miranda pola súa colaboración e o seu apoio. Recibe unha forte aperta no nome de todas as persoas que integramos esta ANPA.

Nenhum comentário:

Postar um comentário