6 de abr. de 2013

Entrevista con Agustín Fernández Paz


AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ, TAMÉN!


Debe ser esta causa moito menos miúda do que certos poderosos queren, porque outro referente internacional da literatura nos presta a súa voz. O percorrido vital deste grande da cultura galega vinculouse moitas veces aos principais movementos pedagóxicos do país. Por iso o seu testemuño ten unha forza moi especial.

Para Agustín Fernández Paz, vilalbés de nacenza e vigués de adopción, a pedagoxía e a cidade de Lugo son territorios tan coñecidos como afectivamente próximos. Tiñas algunha información sobre as actividades do IES “As Mercedes”?

R. Agás informacións de carácter xeral sobre o seu bo funcionamento, o certo é que non coñecía con detalle todo o que se fai no centro. Tivo que suceder este conflito para, sobre todo a través do blog da ANPA, coñecer a riqueza de proxectos e actividades. Un centro coma o IES As Mercedes, debera estar mimado pola administración educativa.


Que opinas da decisión da Xunta de pechar a ESO e o Bacharelato no IES “As Mercedes”?

R. A min paréceme unha mostra máis do desleixo co que esta Xunta está a tratar o ensino público. Un desleixo que, tanto no caso do IES “As Mercedes” coma noutras actuacións, leva a un deterioro na vida dos centros e supón un golpe ao prestixio social dos centros públicos. Esta Xunta, xa o sabemos, aposta principalmente polo ensino concertado.

Logo está a burocracia sen alma. Desde os despachos, é moi doado mover unha ficha de aquí para acolá, sobre todo se vai significar un (discutible) aforro nos gastos. Ven a ficha, pero non ven as persoas e familias, e a sociedade, que hai a carón desa ficha. Como se pode facer algo así sen contaren con comunidade educativa?

Non se entende que mellora lle poden ver á eliminación da ESO e do Bacharelato, coma se fosen incompatibles coa Formación Profesional, coma se o estaren fisicamente separados tivese algo de bo. O camiño correcto é sumar, mellorar en instalacións e en medios, e non andar movendo de aquí para acolá co pretexto de facer que se fai.

Como cres que afecta ao rendemento e ás emocións dun alumno ou alumna o traslado forzoso do seu Centro?

R. É evidente que un hipotético traslado non tería máis ca desvantaxes. Para un alumno ou alumna, o centro educativo é algo máis que o lugar ao que se vai formar. É un ámbito esencial na súa vida, xunto co ámbito familiar, un lugar onde socializarse e crear redes de convivencia. E isto vívese con maior intensidade se o centro está incardinado na zona onde socialmente se desenvolve a súa vida.
Mais todo isto, para a burocracia sen alma, non conta nada. Os alumnos e alumnas son só números que se poden borrar dun lugar para colocalos noutro. Volvo ao anterior: como se poden tomar decisións que afectan negativamente a tanta xente sen contar coa opinión da comunidade educativa?

Di o que queiras á comunidade escolar (alumnado, pais e nais, profesorado e persoal non docente) do IES “As Mercedes”? Ten sentido a nosa protesta?

R. O movemento de protesta que está xerando unha decisión inxusta non só ten sentido, senón que é socialmente necesario. Estámolo vendo non só no voso instituto, senón noutros lugares e noutros ámbitos distintos do educativo. Coa escusa do aforro, as Administracións están tomando decisións que, malia que as enmascaren con retórica baleira, son decisións ideolóxicas. Se prexudican ou non á cidadanía, para eles é o de menos.
Por fortuna, tamén estamos vendo como son moitos os lugares onde a cidadanía está exercendo o seu dereito a non deixarse esmagar, a non calar ante as inxustizas, a esixir que se escoite á xente, a esixir os seus dereitos. Claro que se pode! Pódese e débese. E tede a seguridade de que ante a vosa resistencia, pacífica pero firme, e sempre argumentada, han acabar por aceptar que a razón está da vosa parte.

Queremos, como vimos facendo nos encontros anteriores, darche as máis expresivas grazas polo teu compromiso. E van cunha forte aperta no nome de todas e todos nós.

Nenhum comentário:

Postar um comentário