2 de jul. de 2013

IES AS MERCEDES NON DI ADEUS:COMUNICADO ANTE A XUNTA




O IES AS MERCEDES FUNCIONA, NON O DESINTEGREDES
O IES AS MERCEDES NON DI ADEUS…

IES AS MERCEDES, 1/07/2013:   a plataforma cidadá en defensa do IES AS MERCEDES entrega hoxe máis de 10.000 sinaturas en defensa do IES

Despois de tres meses de reivindicación continuada sen que o Sr. Conselleiro de Educación teña tido sequera media hora para atender a esta Plataforma, este acto de entrega de máis de 10.000 sinaturas de apoio ao IES AS MERCEDES neste rexistro da Delegación da Xunta en Lugo representa para esta plataforma cidadá, non só a vontade da cidadanía de Lugo de manter este Instituto Público de Ensino Medio na zona Sur de Lugo, senón ademais:
· a vontade do conxunto da cidadanía de Lugo de non querer resignarse ante unha decisión cargada de arbitrariedade ao non contar (ou non querer mostrar, nin a nós nin ao valedor do pobo) os estudos e informes sobre os que o Director Xeral de Educación, o Sr. Corredoira, fundamentou a súa proposta de suprimir o IES AS MERCEDES;
· a vontade da cidadanía de Lugo de non resignarse a aceptar que, coa escusa dunha anunciada ampliación da oferta no ámbito da Formación Profesional, teñamos que seguir aceptando esta política de recortes en materia de educación que, para non ter que contratar novo profesorado co que cubrir as baixas de xubilación, non repara en pechar outro Instituto Público de Ensino Medio (o segundo en dous anos na cidade de Lugo), sen sequera ter estudado previamente nin as necesidade educativas dunha zona cun continuado crecemento da súa poboación escolar nin tampouco as alternativas a disposición da Administración, ou sen importarlle para nada o dereito de pais e alumnos a un ensino de calidade que se vai ver moi comprometida e mermada pola masificación de alumnado nos Centros de acollida;
· a vontade dunha cidadanía de Lugo de non resignarse a seguir aceptando unha política de recortes en materia de educación e que, neste caso, se converte en inaceptable despilfarro ao
- non tomar en consideración a existencia de subvencións aos centros concertados da zona,
- non valorar as inversións realizadas no aulario, Biblioteca e Laboratorios de ESO e BAC deste IES AS MERCEDES;
- ao non ter en conta que, a non menos de 300 m do IES AS MERCEDES, ten a Consellería de Traballo un Centro de Formación Profesional Ocupacional, perfectamente dotado de aulas e equipamento, que neste momento, contando unicamente cun director e un xefe de Estudos, está claramente infrautilizado como centro público de ensino.

              Por ultimo, dende esta plataforma en defensa do IES AS MERCEDES, queremos que esta entrega de sinaturas represente así mesmo a vontade de todos nós por termos no Partido Popular unha representación política máis sensible cos problemas da cidade que a que, neste coma noutros conflitos, teñen manifestado a Xefa Territorial, o Delegado Territorial de Educación e o seu candidato á Alcaldía de Lugo.

              O IES AS MERCEDES NON DI ADEUS. A reivindicación, unha vez xa en marcha o novo CIFP, entra noutro tempo, pero continúa: continuará ata que nesta zona Sur de Lugo volvamos a ter o Instituto Público de Ensino Medio  que se necesita e é de xustiza e porque ningunha ampliación da oferta educativa de FP ten que ser incompatible coas ensinanzas da ESO e BAC.
CONFÍAMOS EN QUE A ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA SEXA QUE DE REXEITAR ESTA ARBITRARIEDADE; E CONFÍAMOS TAMÉN EN LOGRAR OUTRA POLÍTICA.

O IES AS MERCEDES NON DI ADEUS…

Nenhum comentário:

Postar um comentário