9 de jun. de 2013

ISTO FUNCIONA; RESPOSTA A OS NOVOS CICLOS QUE IMPLANTARÁ A CONSELLERIA DE CULTURA E EDUCACIÓN



NOTA DE PRENSA:

O IES AS MERCEDES FUNCIONA, NON O DESINTEGREDES (8/06/2013)
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, implantará o vindeiro curso 2013/2014 por primeira vez a Formación Profesional a distancia no CIFP As Mercedes, cumprindo así o compromiso de reforzar a súa oferta de ciclos formativos tras a súa conversión en Centro Integrado de Formación Profesional.

En concreto, o CIFP As Mercedes ofertará para o vindeiro curso na modalidade a distancia o ciclo de grao superior de Transporte e Loxística, un dos primeiros ciclos formativos adaptados á Lei das Cualificacións Profesionais que se implantan en Galicia este curso da familia profesional do Comercio e Márketing. Así mesmo, e xa na modalidade presencial, o centro incorporará os ciclos de grao superior en Márketing e publicidade, e o de desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e fluídos.

Esta nova oferta suporá un incremento de 102 prazas no centro, o que demostra o acertado da súa conversión en CIFP para dar resposta ao crecente interese das galegas e galegos na FP. A oferta deste centro irase incrementando conforme o Ministerio vaia completando o catálogo de titulacións e se avance na remodelación dos talleres as Mercedes.”



              Este é o anuncio que na tarde de onte a Consellería de Educación colgaba na súa paxina web (http://www.edu.xunta.es/web/node/9579). En resume:

-un ciclo a distancia de transportes (un ciclo que, na modalidade presencial (LOXSE), xa houbo no IES AS MERCEDES e que foi suprimido unilateralmente pola propia Consellería) que só necesita un espazo para 2 ordenadores e o correspondente profesorado;

-un ciclo de Marketing que é o resultado de adaptar á nova normativa LOE o ciclo de Marketing que actualmente se imparte no IES AS MERCEDES. Ciclo do que non está publicado nin siquiera o borrador do currículo no DOG, e que supoñemos que arrincaría co Decreto do MECD, cando as transferencias en materia de Educación onde vai que están transferidas á Comunidade Autónoma.

-e un ciclo presencial denominado “Desenvolvemento de Proxectos de instalacións térmicas e fluídos”, que se trata dun ciclo de deseño por ordenador que non necesita de máis equipamento que un aula e ordenadores. Un ciclo ademais que, pola súa especialización e especificidade, resulta de moi dubidosa utilidade no entorno socioeconómico de Lugo e provincia e mesmo en Galiza: a realidade é que este ciclo actualmente só se imparte en Coruña e, maioritariamente, con alumnado de segunda e terceira opción que non obtiveron praza no ciclo de primeira opción dadas as escasas competencias profesionais para as que habilita o título.

              Minte, pois, a Consellería cando fala de 102 novas prazas e minte sobre todo e con absoluto descaro cando di que “demostra o acertado da súa conversión en CIFP para dar resposta ao crecente interese das galegas e galegos na FP”, pois toda esta oferta, como temos manifestado reiteradamente, cabe perfectamente nas instalacións actuais, sen necesidade sequera de acometer a ampliación e mellora de talleres que a Consellería tiña comprometida.

              A Consellería de Educación en absoluto pode argumentar que a mesma sexa incompatible coa continuidade da ESO e o BAC e non fai máis que confirmar de forma indignamente cínica que a transformación do IES AS MERCEDES nun Centro Integrado de Formación Profesional non é máis que unha escusa para cerrar un Instituto Público de Ensino Medio, -o segundo en dous anos na cidade de Lugo.

              Dende a plataforma en Defensa do IES AS MERCEDES seguimos manifestando que sen estudos e informes previos sobre as necesidades educativas que se necesitan atender e sen un estudo sobre as diferentes alternativas á disposición da Xunta coas que atender á tais necesidades, a supresión do IES AS MERCEDES constitúe unha arbitrariedade que, tratándose dun servizo público básico, ningunha sensibilidade democrática pode consentir. Así o ten entendido xa unha boa parte da poboación de Lugo;  así o teñen entendido tamén o Pleno do Concello de Lugo e o Pleno da Deputación Provincial, así como os tres grupos da oposición no Parlamento de Galicia que, unanimemente, teñen apoiado esta reivindicación no Parlamento. E así o agardamos que o entenda a Administración de Xustiza.

.

              Esta Plataforma pola defensa do IES AS MERCEDES así o seguirá reivindicando, por dignidade e por xustiza. O IES AS MERCEDES NON DI ADEUS!

Por certo, agás o Inspector do centro, ninguén na Xefatura Territorial nin na Consellería de Educación se deu por enterado da concesión ao IES As Mercedes do primeiro premio no certame do Cooperativismo no Ensino 2013. Parece ser que nesta situación interesa menos.


Nenhum comentário:

Postar um comentário