8 de mai. de 2013

NOTA DE PRENSA: CONTESTACION A O PLENO DO CONCELLO



O IES AS MERCEDES FUNCIONA, NON O DESINTEGREDES

QUEREMOS SEGUIR TENDO FP, QUEREMOS SEGUIR  TENDO ESO E BAC

              Onte volvía ao pleno o tema das Mercedes para volver a insistir en solicitar da Xunta de Galicia un estudo sobre as necesidades educativas da zona Sur de Lugo (nada diferente do que pedía o Sr. Castiñeira cando hai apenas unha semana contestaba á oferta da Alcaldía de poner a disposición da Consellería os terreos necesarios para un novo Instituto de Ensino Medio) e un estudo sobre as alternativas a disposición da Consellería de Educación e da Xunta de Galicia para atender a ditas necesidades. Dende a Plataforma cidadá queríamos que fora unha oportunidade para o grupo Popular de rectificar.
              Mais en lugar de rectificar, a portavoz municipal do grupo popular volveu coa escusa da necesidade dun novo Centro Integrado de Formación Profesional en Lugo para atender á crecente demanda de Formación Profesional coa creación de 100 novas prazas e novos ciclos de FP.
-deixando de lado que, no caso do anunciado novo ciclo de Comercio, non se trata máis que de substituír o actual ciclo LOGSE de Comercio e Marketing por un novo ciclo adaptado á lexislación actual (LOE);
-deixando de lado que, no caso do ciclo de transporte, se trata dun ciclo a distancia que só necesita dun aula e 4 ordenadores e que, en calquera caso, viría a ser a reposición dun ciclo que xa se ten impartido no IES As Mercedes e que foi suprimido unilateralmente pola Consellería de Educación por falta de matrícula;
-e deixando de lado a nosa sospeita de que o novo ciclo de Fluídos Térmicos sen empresas en Lugo adicadas a tal actividade só vai servir para entreter a alumnos que non obtiveron praza noutros ciclos e escollen este como segunda ou terceira opción,
non discutimos dende esta plataforma cidadá que teña medrado a demanda formativa no ámbito da Formación Profesional. Cunha taxa de paro que xa pasa do 22% en Galicia, o recurso á formación está a funcionar, non como ruta de acceso a un posto de traballo que non hai, senón como terapia alternativa de saúde mental que pode que sexa conveniente atender. Pero non se pode obviar, pois sería converter as verdades en mentiras, que o Decreto de conversión do IES As MERCEDES en Centro  Integrado de Formación Profesional implica a supresión dun Instituto de Ensino Medio (o segundo en dous anos na cidade de Lugo) nunha zona da cidade, a zona Sur de Lugo, cun continuado crecemento demográfico e con previsións de continuar medrando; implica a supresión dun Instituto de ensino Medio nunha zona cun rápido crecemento da poboación escolar, cun CEIP Illa Verde cuxas instalacións van a ser ampliadas por segunda vez en pouco tempo, cun CEIP As Mercedes xa totalmente saturado e con dous centros privados subvencionados con cartos públicos pola falta de prazas na rede pública de escolarización.
              Non se trata, pois, de debater sobre as demandas e necesidades no ámbito da Formación Profesional. Trátase de estudar as alternativas a disposición da Consellería de Educación e da Xunta de Galicia coas que atender, -por suposto co máximo nivel de excelencia-, toda esa nova demanda que poda haber de Formación Profesional facéndoa compatible coa continuidade dun IES que é unha necesidade innegable para a Zona Sur de Lugo: se a administración nunca pode ser arbitraria, moito menos o debería ser cando se trata de suprimir un Centro de ensino público
              Para esta plataforma cidadá esta reivindicación da continuidade do IES As Mercedes é unha demanda imprescindible para esta zona Sur da cidade de Lugo. E temos a seguridade que, se agora o cerran, non tardarán en ter que volver abrir.
              Dende a plataforma veciñal non desistiremos, dende logo, ata que este Instituto de Ensino Medio volva ao mesmo sitio de As Pedreiras onde no século pasado estiveron as cabaleirizas do cuartel de As Mercedes.
Este é o compromiso da plataforma veciñal en defensa do IES AS MERCEDES,
O compromiso, pois, da Federación veciñal Lucense,
da Unión de Asociacións veciñais e culturais de Lugo,
de Agrupa-Lugo,
da Asociación cívica “Abre A Muralla”,
da Federación de Asociacións e Nais e Pais de Lugo,
das ANPAs dos CEIPs de O Corgo e As Mercedes como Centros adscritos;
da ANPA do Illa Verde de Lugo que ten solicitada a adscripción ao IES As Mercedes;
o compromiso, en fin, da ANPA e demais membros da comunidade educativa do IES AS Mercedes.
Todos somos, como ben ven, homes e mulleres con NOME E CARA.

Nenhum comentário:

Postar um comentário